Presentación
O día 13 de xaneiro naceu en Compostela unha nova asociación que ten como obxectivo xeral a promoción e defensa do turismo. Esta asociación rexistrada na Xunta de Galicia co nome de Asociación de Turismo e Hostalería Compostela pretende integrar a todos os sectores relacionados co turismo. Os socios fundadores son: Ramón García Seara que será o presidente; María Carmen Furelos Gaiteiro, tesoreira; Estrella Ferreiro Díaz, secretaria e Sara Santos Ferreiro, Juan Antonio Rivadulla Fernández e Jesús Peón Otero que estarán na directiva como vogais; é José Antonio Liñares Bar que é socio fundador mais non formará parte desta xunta. Os directivos representan diversos sectores: hotéis, hospedarías,, vivendas de uso turístico, axencias de viaxes e locais de hostalería e os asociados pertencen ademáis dos devanditos ámbitos ao dos guías turísticos, albergues, casas de turismo rural e diversas empresas de servicios relacionadas co sector.
A Asociacion comprométese coa defensa dun turismo responsable nun momento en que se percibe unha animadversión importante contra o turista promocionada desde algunhas entidades.
En Santiago de Compostela, cidade históricamente acolledora co visitante, estase a intentar con certo éxito crear un clima tendente a culpar ao turismo de case todas as eivas da vila . Compostela en grande medida debe a súa prosperidade á actividade turística. Hai barrios que antes da promoción dos Camiños de Santiago tiñan infraestructuras do Medievo e agora, totalmente remozados e colonizados por novos poboadores renegan dos “molestos peregríns”. É certo que en ocasións pode resultar non moi confortable o balbordo dos grupos que entran na cidade, de igual xeito que tampouco lle agradan á maioría os saraos do estudantado a altas horas nin o lixo que producen con esta ocupación do lecer, e mesmo hai quen se sinte perturbado pola megafonía das manifestacións…cómpre conseguir un nivel un pouco máis alto de tolerancia para evitar crispacións e condutas inapropiadas.
Desde esta Asociación, cun claro plantexamento conciliador, ademáis de defender os intereses dos asociados, deseñaranse e implementaranse programacións tendentes a promocionar o turismo que como calquera outra actividade que implique relación debe ser responsable e corresponde as distintas administracións, asociacións e entidades o deseño e posta en practica de estratexias na procura de conseguilo.



