A Aula Magna da Hospedería San Martiño Pinario acolleu esta tarde a primeira das Xornadas de Turismo en Santiago ‘Cando Compostela gana’, que está a desenvolver a Asociación de Turismo e Hostalería Compostela (ATHC), co apoio de Turismo de Galicia.

A directora de Promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita Urgoiti, foi a encargada de inaugurar estas xornadas, xunto co presidente da ATHC, Ramón García. “Gustaríame resaltar a aposta de Turismo de Galicia pola sostibilidade como un dos nosos valores turísticos” para xerar “unha relación positiva entre turistas e residentes”, sinalou a representante da Xunta de Galicia durante a súa intervención.

A continuación, a directora do CETUR (Centro de Estudos e Investigacións Turísticas da USC), Lucrezia López, impartiu a conferencia titulada ‘Santiago de Compostela e o Camiño: historia, cultura e turismo’. López fixo un repaso polos momentos máis relevantes da nosa cidade e como, grazas ao Camiño, foi “gañando recoñecemento e importancia no contexto europeo”. Tamén sinalou os principais retos aos que se enfronta o sector, facendo fincapé en que “non podemos pechar as portas, senón que hai que xestionar os fluxos e apostar pola planificación dun escenario turístico que está moi diversificado”.

Para rematar, o secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia, Miguel López Crespo, falou dos turistas como persoas consumidoras e usuarias. O tamén presidente da Confederación ConsumES asegurou que actualmente o “novo consumidor turístico” está “empoderado e conectado”, ten un “acceso ilimitado a información e expectativas elevadas”. E destacou tres palabras que debe ter en conta o sector na relación coa súa clientela: empatía, transparencia e comunicación.

Estas I Xornadas de Turismo en Santiago ‘Cando Compostela gana’ continuarán mañá, xoves 26 de xuño, ás 17.00 h coa intervención de Marisa del Río, coordinadora do Grupo de Investigación POSMARK e directora do Máster en Marketing Dixital e Xestión Comercial da USC. Marisa, que é representante da USC no Consello Galego de Turismo e foi coordinadora do Máster en Turismo Urbano e Xestión de Empresas Turísticas, impartirá a conferencia titulada ‘Saturar ou soster: o dilema turístico de Santiago’.

Para rematar o evento, o presidente da ATHC, Ramón García, moderará a mesa redonda‘Santiago e o turismo. Unha realidade a debate’. Nela participarán Xosé Antonio Liñares, socio fundador da ATHC; Esteban Iglesias, presidente de Unión Hotelera Compostela; e Miguel Pazos Otón, do Grupo de Investigación ANTE Análise Territorial da USC.

A entrada é libre ata completar capacidade.

PROGRAMA XOVES 26

17:00h Conferencia:  ‘Saturar  ou  soster:  o  dilema  turístico  de  Santiago’ Relatora: Marisa delRío, profesora titular da USC e coordinadora do Grupo de Investigación POSMARK e directora do Master en Marketing Dixital e Xestión Comercial da USC

18:00h Café

18:30h Mesa redonda: ‘Santiago e o turismo. Unha realidade a debate’.

Moderador: Ramón García, presidente de ATHC. Relatores: Xosé Antonio Liñares, socio fundador da ATHC; Esteban Iglesias, presidente de Unión Hotelera Compostela; Miguel Pazos Otón, do Grupo de Investigación ANTE Análise Territorial da USC.

20:15h Viño galego de despedida.