O presidente da Asociación de Turismo e Hostalería Compostela (ATHC), Ramón García, e a directiva Sara Santos, participaron esta tarde no encontro que organizou a asociación Unión Hotelera Compostela para manifestar o rexeitamento  do sector á taxa turística. 

Ás portas do Pleno deste xoves, 31 de xullo, no que o Concello de Santiago agarda aprobar definitivamente esta medida, os representantes do sector quixeron sinalar publicamente que é «inxusta, está mal deseñada e é precipitada». Na opinión de Ramón García, «responde a intereses meramente políticos e non xerais».  

Entre outros puntos, os representantes destas asociacións lamentaron que a taxa «lonxe de ordenar o turismo, penaliza inxustamente ao visitante que pernocta na cidade» e, pola contra, ignora a quen realmente xera saturación urbana» como son os excursionistas, cruceiristas ou grupos organizados que permanecen só unhas horas na cidade».