A Asociación de Turismo e Hostalería Compostela (ATHC), co apoio de Turismo de Galicia, organiza os vindeiros 25 e 26 de xuño unhas xornadas de debate sobre o sector que se desenvolverán na Hospedería San Martín Pinario.

Estas I Xornadas de Turismo en Santiago ‘Cando Compostela gana’ comezarán o mércores 25 ás 17.00 h coa inauguración a cargo de Carmen Pita Urgoiti, directora de Promoción de Turismo de Galicia, e Ramón García, presidente da ATHC.

A primeira conferencia levará por título  ‘Santiago de Compostela e o Camiño: historia, cultura e turismo’ e será impartida pola directora do CETUR (Centro de Estudos e Investigacións Turísticas da USC), Lucrezia López. A continuación desenvolverase o relatorio ‘Os turistas como persoas consumidoras e usuarias’, que ofrecerá Miguel López Crespo, secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia e presidente da Confederación ConsumES.

A segunda xornada, o xoves 26, arrancará tamén ás 17.00 h coa intervención da profesora titular da USC e coordinadora do Grupo de Investigación POSMARK  e directora do Master en Marketing Dixital e Xestión Comercial da USC, Marisa del Río, cunha conferencia titulada ‘Saturar ou soster: o dilema turístico de Santiago’. Marisa foi ademais coordinadora do Master en Turismo Urbano e Xestión de Empresas Turísticas e é representante da USC no Consello Galego de Turismo.

Para rematar o evento, o presidente da ATHC, Ramón García, moderará a mesa redonda ‘Santiago e o turismo. Unha realidade a debate’. Nela participarán Xosé Antonio Liñares, socio fundador da ATHC; Esteban Iglesias, presidente de Unión Hotelera Compostela; e Miguel Pazos Otón, do Grupo de Investigación ANTE Análise Territorial da USC.

A entrada é de balde ata completar capacidade.

PROGRAMA

MÉRCORES 25

17:00 h Inauguración

17:15 h Conferencia: ‘Santiago de Compostela e o Camiño: historia, cultura e turismo’.
Relatora: Lucrezia López, directora do CETUR (Centro de Estudos e Investigacións Turísticas da USC)

18:15 h Café

18:30 h Conferencia: ‘Os turistas como persoas consumidoras e usuarias’
Relator: Miguel López Crespo, secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia e presidente da Confederación ConsumES

XOVES 26

17:00 h Conferencia: ‘Saturar ou soster: o dilema turístico de Santiago’
Relatora: Marisa del Río, profesora titular da USC e coordinadora do Grupo de Investigación POSMARK  e directora do Master en Marketing Dixital e Xestión Comercial da USC.

18:00 h Café

18:30 h Mesa redonda: ‘Santiago e o turismo. Unha realidade a debate’.

Moderador: Ramón García, presidente de ATHC.
Relatores/as: Xosé Antonio Liñares, socio fundador da ATHC; Esteban Iglesias, presidente de Unión Hotelera Compostela; Miguel Pazos Otón, do Grupo de Investigación ANTE Análise Territorial da USC.

20:15 h Viño galego de despedida.